Nos últimos anos, as novelas protagonizadas polo último dragón galego convertéronse nun medio excepcional para dar a coñecer algúns aspectos da historia e da cultura de Galicia.
A través de actividades de animación á lectura os centros de ensino están a traballar a comprensión lectora e tamén espertan a curiosidade e creatividade nas aulas.
PROXECTO DRAGAL
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da coordinación central dos equipos de dinamización da lingua galega, sumouse no curso académico 2013-2014 ao Proxecto Dragal, unha experiencia de carácter experimental que supuxo, entre outras novidades, a creación dun wiki interactivo no que traballaron máis de 532 alumnos de ESO e 40 profesores de 7 centros de ensino secundario de Galicia.
Na segunda edición do Proxecto Dragal, no curso 2014-2015, a experiencia ampliouse a 11 centros das catro provincias galegas. Desta vez implicáronse 659 alumnos e 55 profesores das máis diversas materias.
UN DRAGÓN DE CINE NAS ESCOLAS
En 2013 a produtora galega Ficción Producciones decidiu adquirir os dereitos audiovisuais de Dragal para a adaptación da saga ao cinema, a edición dun cómic interactivo e a creación de videoxogos para varias plataformas. Mais o potencial educativo da triloxía de Elena Gallego Abad levou a Ficción a desenvolver un ambicioso proxecto multimedia con base nas súas novelas (“Dragal I. A herdanza do dragón”, “Dragal II. A metamorfose do dragón” e “Dragal III. A fraternidade do dragón”).
O resultado é un programa multidisciplinar de animación á lectura e creación en galego que, coa posta en marcha dun entorno wiki propio, supón a acomodación da saga literaria aos novos formatos multimedia.
A FRATERNIDADE DO DRAGÓN
No curso 2013-2014 a fraternidade do dragón estivo formada por 532 alumnos e alumnas de ESO e 40 profesores de sete centros educativos: IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia (Ourense), IES Taboada Chivite de Verín (Ourense ), IES de Mos de Mos (Pontevedra), CPI da Cañiza (Pontevedra), IES Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior (Pontevedra), IES David Buján de Cambre (A Coruña) e CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón (A Coruña).
Tras a lectura de “Dragal, a herdanza do dragón” os rapaces emprenderon unha viaxe dixital axudados polos seus mestres. Cativados pola forza do dragón protagonista , os participantes utilizaron unha nomenclatura particular que os identifica e diferenza. Así, os alumnos convertéronse en dragaliñ@s, o profesorado en mestres do Dragal, os centros dragalizáronse cunha ambientación propia, os materiais levaban impreso un carimbo dragaliano e, entre outros traballos, os participantes elaboraron a súa particular Dragalpedia.
TAREFAS DA FRATERNIDADE DO DRAGÓN
O Proxecto Dragal concibe o proceso de ensinanza-aprendizaxe dun xeito global, flexible e participativo. Esta aposta posibilitou un traballo compartido desde distintos departamentos, en todos os centros participou o equipo de dinamización da lingua galega (EDLG), ao que se uniron o Departamento de Lingua Galega, Lingua Estranxeira, Educación Plástica e Visual, Xeografía e Historia, Tecnoloxía, de Música, Relixión e de Orientación.
O deseño de tarefas preveuse para un curso académico e púxose en marcha principios de outubro, coa presentación da escritora a través de videoconferencia. A continuación, e paralelamente ao proceso de lectura, dragalizáronse os centros. Tamén se elaborou unha tarxeta de identificación para os alumnos.
Rematado o proceso lector, principiou a competición de Dragaliños por medio dun cuestionario individualizado. Antes da chegada das vacacións de Nadal formáronse os grupos de traballo de cara á futura investigación para a elaboración da Dragalpedia.
No segundo trimestre fóronse editando os contidos do wiki e fíxose o traballo de campo (recollida de lendas), así como o desenvolvemento dos xogos.
No terceiro trimestre cada centro realizou unha exposición dos seus traballos fóra da clase, baixo a cabeceira “O dragón sae da aula”.
A experiencia rematou no mes de xuño cun encontro lúdico, no Pico Sacro, de todo o alumnado e profesorado participante.
PROXECTO DRAGAL 2015
Tras o éxito da primeira edición do Proxecto Dragal, no curso 2014-2015 a iniciativa ampliouse a 4 centros educativos máis (un total de 11 nas catro provincias galegas), incorporando novidades. Unha delas foi a visita de Elena Gallego Abad. No segundo próximo trimestre programouse a actuación en cada instituto ou CPI dun contacontos profesional que peche a actividade “detective de lendas”, coa que o alumnado se achegará á investigación arredor da Galicia máxica. Ademais, o wiki do proxecto, onde os rapaces e rapazas realizan e comparten traballos, renovouse con novas funcionalidades.
Na segunda edición do Proxecto Dragal están implicados 659 estudantes de primeiro e segundo da ESO das catro provincias e 55 docentes coordinados polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería.
Dúas semanas de encontros
A escritora Elena Gallego, autora da triloxía Dragal na que se basea o proxecto do mesmo nome, mantivo encontros co alumnado dos 11 centros educativos que participan nesta iniciativa multimedia e multidisciplinar pensada para animar o estudantado da ESO a ler, a crear e a investigar en galego.
Dende o luns 19 de xaneiro e ata o venres 29 a escritora achegouse ao IES de Valga, o IES A Pobra do Caramiñal, o IES Alfoz-Valadouro, o IES de Becerreá, o IES Puga Ramón da Coruña, o CPI Virxe da Cela de Monfero, o IES Castro Alobre e mais o IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, o CPI da Cañiza, o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e, finalmente, o IES Taboada Chivite de Verín.
Durante as visitas, a escritora foi presentada nos institutos polo coordinador ou coordinadora territorial dos equipos de dinamización da lingua galega e, a continuación, percorreu cada centro para coñecer o labor de ambientación ou dragalización realizado polo alumnado ao longo do primeiro trimestre do curso, tras a lectura da primeira novela da triloxía. A continuación, mantivo encontros co alumnado nos que se referiu ao labor de investigación e de documentación previa que require a escrita dunha novela, ás razóns que a moveron a escoller a temática dos dragóns para a súa triloxía Dragal e á análise dos elementos da cultura galega nas que estes seres fantásticos están presentes.
OBXECTIVOS CUMPLIDOS
O Proxecto Dragal pretende transmitir aos mozos participantes unha imaxe positiva e actual da lingua galega ao relacionala con temáticas de interese para a mocidade e coas TIC. Poden gozar coa lectura de historias fantásticas en lingua galega, crear as súas propias e valorar a tradición literaria e popular desta temática en Galicia.
Ademais de poñer en estima os principais aspectos históricos e culturais que aparecen como pano de fondo da trama, o Proxecto Dragal implica o uso das novas tecnoloxías. A experiencia promove o intercambio de información sobre diferentes aspectos da novela dentro da aula, cos compañeiros e profesorado, pero tamén, a través da rede, co alumnado doutros lugares de Galicia para compartir experiencias lectoras e achados.